26 de novembro de 2009

Seguimento masivo durante a primeira xornada de folga nas instalacións deportivas en demanda dun convenio digno


Centros pechados e traballadores/as en folga foi o que se atoparon este xoves os usuarios e usuarias das instalacións deportivas de todo o País, no primeiro dos tres días de paro convocado por CIG, CCOO e UGT no sector en demanda dun convenio digno que recolla melloras salariais e sociais.
Dende as sete da mañá, os piquetes informativos foron percorrendo cada unha das principais instalacións afectadas polo paro informando aos usuarios e usuarias dos motivos da folga e solicitando a súa colaboración non utilizando os centros que aínda permanecían abertos, durante este xoves. En moitos edificios, especialmente no caso das piscinas, o persoal das instalacións advertira no día anterior do peche das instalacións colocando carteis informativos.
Concentracións en varias cidades
Dende a CIG-Servizos valorouse moi positivamente a resposta dada polos traballadores e traballadoras do sector, cuxo seguimento superou o 90%, e agradeceron a comprensión amosada polos usuarios/as. En casos como o de Ferrolterra a parálise no sector chegou até o 99%, na provincia de Pontevedra e A Coruña o paro foi secundado polo 95% do persoal, producíndose o peche de practicamente todas as instalacións, mentres que en Monforte, Ribadeo, Foz e Viveiro as piscinas tamén permaneceron pechadas.
Así mesmo, para dar maior visibilidade ao conflito, os traballadores e traballadoras levaron a cabo varias concentracións en distintas cidades, ás que, ademais das faixas, os bombos e os chifres, engadiron algún elemento tan característico dos seus centros de traballo como as pelotas de fútbol.

Um comentário:

carmen disse...

todo muy bien luchar muchoque hay muchos mangantes